Tuesday 14 de May de 2024

A Casa da Cultura de Camporrapado acolleu unha charla sobre o abuso das novas tecnoloxías


A sesión ofreceu pautas para previr os perigos dos xogos en liña, as redes sociais, videoxogos e móbil entre a mocidade

A Casa da Cultura de Camporrapado acolleu o pasado venres unha charla informativa sobre o abuso das novas tecnoloxías. Esta sesión encádrase dentro das accións do Servizo de Prevención de Condutas Adictivas de Boqueixón-Teo-Touro, en colaboración coa Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.

A charla foi impartida por profesionais dun gabinete psicolóxico de Santiago. Durante as dúas horas de duración da sesión abordáronse os principais perigos que supoñen as novas tecnoloxías. Neste senso, fíxose fincapé no uso do móbil, as redes sociais, os videoxogos e os xogos en liña e os perigos que poden supoñer para menores de idade.

Para previr posibles condutas adictivas ofrecéronse unha serie de pautas a seguir. Unha das claves é establecer unha comunicación efectiva cos fillos e coas fillas co fin de espertar o seu espírito crítico e para coñecer a súa opinión sobre as distintas ferramentas que teñen á súa disposición na rede. Estas conversas servirían tamén ás nais e pais para advertirlles sobre os perigos que poden supoñer as novas tecnoloxías e como deberían utilizalas dunha forma axeitada. Ademais, facilitáronse recursos como webs e series para que os e as familiares profundicen nesta temática.

A charla foi moi ben acollida pola quincena de persoas asistentes, recoñecendo a súa utilidade á hora de aplicar as indicacións recibidas no día a día. De feito, acordouse estudar a organización dunha segunda sesión sobre esta temática que permita reforzar e ampliar os coñecementos presentados.